Cartos de verdade para praias de mentira

Dise que o mar da Costa da Morte é insubornable. Pero o certo é que no fin da terra case todo é posible. Incluso derrotar ao mar. Corcubión xa lle botou un pulso. 80.000 toneladas de recheo ao litoral e 1,1 millóns de euros de orzamento. Está derrotando ao mar e a preto da metade dos habitantes do municipio, que lle ensinaron os dentes. O socialista Francisco Javier Lema, rexedor e imputado na sonora operación Orquestra, non se sinte cómodo coas críticas e ordenou estes días a retirada dunha pancarta do Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión e dos nacionalistas en contra da construción dunha praia artificial nunha zona C.

Nun pleno de xaneiro de 2012, foi ratificada por segunda vez unha moción (promovida polo BNG e apoiada polo PP) en contra da obra. Porén, a súa realización xa foi aprobada pola Dirección Xeral de Costas e comezada a licitar. Información da que, ao parecer, carecía o propio Lema, pois refutou á oposición escudándose en que non se pode anular un proceso sen licitar. Igualmente, referiuse á praia artificial de Cee onde “nin houbo contaminación, nin se acabou o marisqueo”. Agora, xa se carreta o caolín de Vimianzo ao areal.

A información non deixou de saír nos xornais, locais e autonómicos, desde que se propuxo a creación da praia hai cinco anos. Incluso un informe da Xunta investigou o impacto da obra. É un exemplo de como, ás veces, os movementos sociais locais non conseguen mudar a axenda administrativa, pero si a axenda mediática. 

Ameixeiras Cundíns, CL4X

Posted on 13 Marzo, 2012, in Documentos and tagged , , , , . Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. Sabela Cereijo Vázquez

    Non coñecía este caso e paréceme moi triste que non aprendamos dos erros das praias artificiais. Poño por caso a praia de Sada, á que se lle engadiron uns metriños e agora, cando baixa algo a marea, é imposible bañarse e aturar o cheiro da braña que alí se formou, limo que sempre estivo alí, pero cuberto por algún metro máis de auga.

    • Moitas grazas polo comentario. Pois verás, un dos principais problemas é que esta ría está catalogada coa zona C, é dicir, é unha zona onde hai moito marisco pero está contaminado. Actualmente, desde a Xunta están intentando depurar o marisco destas zonas para poder comercializar con el. Pero se finalmente se acaba de construír a praia, vai ser practicamente imposible. Ameixeiras Cundíns, CL4X

Deixar un comentario